O medo é unha emoción xerada pola percepción dun perigo, ben sexa real ben sexa suposto. A activista feminista e psiquiatra, Lola Ferreiro, reflexiona ante as cámaras de Nós Televisión sobre o impacto social do medo e as súas consecuencias a raíz da xestión gobernamental da COVID-19 e a cobertura informativa realizada polos mass media.
“Hai xente que vindo de traballar foi cuspida e insultada”, denuncia Ferreiro que explica a importancia do papel da culpa nas reaccións á xestión institucional da pandemia. “Fronte os insultantes, están os grupos de apoio mutuo“, sostén a activista feminista que destaca a xenerosidade do pobo.
Lola Ferreiro demórase a explicar as situacións de violencia machista no confinamento. A activista tamén lanza un recoñecemento ás traballadoras do fogar e da limpeza, entre outras, ante a COVID-19. “Aplaudímoslles a elas polas noites? Porque deberiamos”. E fai un chamamento rotundo e claro: “Temos que enfrontar o medo colectivamente. Falemos coa xente“.
Apenas unha hora despois de teren realizado a entrevista, Lola Ferreiro escribe sobre un tema que non podía quedarmonos no tinteiro e que a continuación reproducimos:
“Que sería de nós sen a Sanidade Pública?
E agora, temos que presenciar como quen a esfarelaron durante anos, veñen facendo uso dela. E promoven aplausos para quen levan 10 anos precarizando.Para facer fronte a esta catástrofe, para enfrontar o que veña, precisamos que se repoña todo canto se lle furtou á cidadanía: camas hospitalarias, atención primaria de calidade, medios materiais, persoal sanitario.
Viva a SANIDADE PÚBLICA!”