A situación das pensións actuais anuncia un mal panorama para as pensións futuras. Éste é un tema que preocupa en toda Europa e do que non estamos abondo informados en Galicia.
A eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica, organizou os días 28 e 29 de setembro, unhas xornadas que co nome de “O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa”, reuniron en Compostela a expertos e expertas chegados non só da Galiza, senón tamén do resto do Estado español, Irlanda, Portugal, Suecia, Finlandia, Grecia e Francia, para abordar a situación que están a atravesar os sistemas públicos de pensións e artellar posibles vías de traballo en común para defendelos.
Segundo achegaron neste encontro a UE calcula que no 2030 as pensións privadas, co Produto Paneuropeo de Pensións Individuais, moverían 2,1 billóns de euros, fronte aos 0,7 de hoxe.
“Estamos vendo que o que realmente lle preocupa á Comisión Europea (CE) e ás maiorías do Parlamento Europeo é que se dea un escenario no que as pensións públicas poidan reforzarse e que ese mercado privado de apoio á banca e aseguradoras que pretenden impulsar se vexa mermado”, afirma Lidia Senra.
Explica a eurodeputada que na UE din “que hai que reducir os orzamentos dos servizos públicos mentres a realidade é que a UE no Marco Financeiro Plurianual previsto para o 2021-2027 que pretende priorizar a defensa, sacar diñeiro público dos servizos públicos básicos para investilo no avance do militarismo” e denuncia que “de aquí a dentro de 10 anos prevese que se destinen 100.000 millóns de euros para o gasto militar de forma directa e máis investimento de forma indirecta a través doutros programas como por exemplo o Mecanismo Conectar Europa”.
Diante deste panorama as xornadas deixaron claro, en palabras da eurodeputada, que “temos a obriga de loitar con uñas e dentes para non deixar ás xeracións que veñen despois, un futuro peor que o que temos hoxe”.