A eurodeputada Lídia Senra, candidata de En Marea: Compromiso por Europas ás eleccións europeas do 26 de maio, visitou o “Banco Máis Fedento do Mundo”, acompañada pola veciñanza da comarca de Ordes e polos diferentes colectivos da contorna organizados na defensa do medio ambiente e do rural vivo.
Senra considera “fundamental” que “todos e todas as habitantes da Galiza visiten este lugar e se senten no banco uns minutos para ‘gozar’ do cheiro e da aberración ambiental que supón o macrovertedoiro que Sogama ten na Areosa, no concello de Cerceda, dos máis grandes de toda Europa”.
A eurodeputada denunciou que Sogama só xestione o 12% do lixo que lle chega procedente dos concellos de toda Galiza, xa que o 88% restante dos residuos son enterrados directamente no macrovertedoiro sen selección, danando augas, terras, vidas. “Urxe outro modelo alternativo a este no que Xunta e Naturgy van da man para beneficio empresarial. É indignante que na actual UE se permitan, coa connivencia das Administracións, situacións deste tipo. Denunciámolo en reiteradas ocasións durante este mandato no Parlamento Europeo e seguiremo a facelo”, defende a candidata ás eleccións europeas do 26 de maio.
Neste sentido, incidiu na “urxencia” de poñer en marcha un “novo modelo de tratamento de residuos totalmente público, descentralizado en cada concello ou comarca, e baseado na redución, reciclaxe e reutilización, respectuoso ante todo co medio ambiente”.