A eurodeputada galega Lídia Senra, acompañada pola súa compañeira do Die Linke alemán no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e vicepresidenta da Subcomisión de Seguridade e Defensa do Parlamento Europeo, Sabine Lösing, denunciaron hoxe en Santiago o incremento en gasto militar que ten previsto realizar a UE.
“A UE estase armando en nome da seguridade e de defender un estilo de vida europeo, pero o certo é que a guerra non trae seguridade senón todo o contrario. Preparándose para a guerra é imposible cultivar a paz”, explicou a eurodeputada Lídia Senra.
A eurodeputada galega e a alemá chaman a desenmascarar as intervencións militares de Europa e a traballar nas políticas da paz. A eurodeputada Sabine Lösing explicou que o presidente da Comisión Europea (CE), Jean Claude Juncker, se parabenizou na Conferencia de Seguridade de Múnich de que nos últimos dez meses a UE ten feito máis avances nas súas capacidades militares que nos últimos 10 anos.
“Que significa isto? Que se están reducindo cartos doutras liñas orzamentarias para investilos en cuestións que teñen que ver coa industria militar e de armas”, apuntou a eurodeputada alemá.
Sabine Lösing segurou, ademais, que esta evolución europea é “ilegal” atendendo a que no Tratado de Lisboa se especifica que hai unha prohibición de utilizar o orzamento europeo para fins militares. Apesar diso, estanse a incrementar os gastos neste tipo de actividades sen que teña lugar un coñecemento público nin un debate aberto coa cidadanía.
Ambas parlamentarias explicaron que nos orzamentos comunitarios do período 2021-2027 prevese que máis de 60.000 millóns de euros irán destinados a capítulos que teñen que ver coa militarización e o reforzo armamentístico