Adentrámonos na década de 1940. Daquela, dúas “guerras ocultas” librábanse en Galicia; por unha banda, a resistencia antifranquista combatía a un poderoso Estado fascista dende os montes galegos; ao mesmo tempo, o exército nazi enfrontábase ao bando aliado protagonizando batallas en Galicia como a de Estaca de Bares.
Sobre este contexto, o escritor Manuel Gago artella a historia de tres persoas cuxas vidas vanse cruzar por mor dos acontecementos. Trátase dunha mestra, un guerrilleiro e un pintor de océanos, a quen “o desengano, a esperanza e a valentía” vai vencellar ao longo deste relato exposto en O exército de fume.
A lenda cobra un papel protagonista
Dentro da historia salienta un aspecto especialmente característico da tradición cultural galega: a lenda. A presenza de soldados alemáns en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial deu pé a unha sorte de relatos tan chamativos como o que asegura que Adolf Hitler tería fuxido a Arxentina agochándose previamente no mosteiro de Samos.
A memoria histórica, importante tamén na ficción
Esta novela permite, asemade, incluír a memoria histórica do país dentro da ficción, unha cuestión á que Gago outorga unha especial importancia. O exército de fume está editado por Xerais, e pódese mercar dende o pasado mes de xuño en librarías ou plataformas dixitais.