Leiceaga demanda unha Comisión de Estudo sobre as peaxes

Dende que comezou o ano 2018, a cidadanía galega paga un 3,8% máis polas peaxes da autoestrada AP-9. Esta cantidade podería incluso aumentar trala supresión do pago en Redondela, segundo anunciou o Ministerio de Fomento. As peaxes da autoestrada galega manteranse até o ano 2048, o cal contrasta coa situación do conxunto do Estado, xa que nos vindeiros anos caducarán numerosas concesións. O voceiro do grupo socialista no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, considérao un “absurdo” que provoca un “tratamento diferente e desigual” para o país.

En consecuencia, o PSdeG vén de rexistrar ante a Mesa do Parlamento unha solicitude para crear unha Comisión de Estudo que “racionalice” o sistema de peaxes de Galicia. Fernández Leiceaga denuncia que os poucos tramos gratuítos das autoestradas galegas son compensados por subas no resto das peaxes. Así e todo, o deputado socialista insta ó presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a reclamar ante o Ministerio de Fomento que remate unha situación que cualifica como “discriminatoria”.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Compensación económica

A formación vermella considera, asemade, que o goberno galego debería esixir unha “compensación económica” ao Estado, incidindo na importancia de dirixir as protestas cara a Fomento e non cara a empresa concesionaria.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -