Lea entre PP e oposición polas peaxes da AP-9

En Marea rexistrou unha proposición non de lei para que a Xunta instase ao Goberno central a paralizar a suba das peaxes prevista polas obras na ponte de Rande

Continúa a resoar no Parlamento o eco das peaxes da AP-9. En Marea presentou este mércores unha proposición non de lei para instar á Xunta a posicionarse oficialmente contra a suba das tarifas por mor das obras na ponte de Rande e tentar negociar co Estado este aspecto. O deputado Marcos Cal acusou ao PP de “pretender unicamente que Audasa incremente os seus beneficios” namentres as obras aínda non están rematadas.

O deputado do BNG Luís Bará respaldou a iniciativa de En Marea e lembrou ao Goberno galego que a concesionaria non poderá aplicar a suba prevista do 1% até o vindeiro ano. Tamén se sumou a esta proposta o grupo socialista. Abel Losada considera que o convenio de Audasa é unha “bicoca económica” para a empresa.

Tema: A peaxe da AP-9

Pola súa banda, o popular José Alberto Pazos apuntou que “os contratos hai que cumplilos” e lamentou as críticas vertidas dende a bancada da oposición, asegurando que as obras licitadas xa están a ser executadas.

Os tres grupos da oposición non deron por válidas as explicacións de Pazos no tocante ás obras de Rande e pediron “respectar” os dereitos da cidadanía, considerando unha “estafa” subir as peaxes cando aínda non se remataron as obras.

- Publicidade -