A enóloga Laura Montero impartiu a pasada semana no hotel Quinta da Auga unha cata especial dedicada a champagne, cava e espumosos galegos. A sesión estivo acompañada de tapas elaboradas polo chef do establecemento, Federico López Arcay. Montero explicou a singularidade deste tipo de experiencias abertas ao grande público.

A enóloga e enxeñeira agrónoma diplomada pola Universidade de Burdeos é, na actualidade, asesora da Adega Raventós i Blanc. Por este motivo coñece de primeira man as novas liñas que se están a seguir en Cataluña ao redor do cava.
“Hai que ser máis ambiciosos”
Laura Montero, a través da súa experiencia con viños espumosos galegos, asegura que son dunha excelente calidade polo que deberían ser máis ambiciosos e rexeitar entrar nas loitas dos produtos máis económicos.