A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reunirase ese xoves coa veciñanza da zona de A Garaballa onde se erguerá o primeiro barrio multiecolóxico de España dentro do marco do programa LIFE impulsado polo Concello. Á xuntanza, que será mañá, ás 19.00 horas, no CEI Nodus, tamén acudirá o concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, e representantes da empresa que está a desenvolver as bases da planificación do barrio, a UTE Avento-Proy.
O novo barrio, que se desenvolverá en dous sectores da Garaballa, busca colocar a vida no centro da cidade. As zonas verdes e espazos libres previstos, de 147.000 m2, suporán cinco veces máis da superficie fixada no PXOM, así como a superficie destina a equipamentos, de 30.000 m2, que duplica o previsto no Plan Xeral.
As solucións que se prevén desenvolver van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo. No deseño das edificacións esixirase a inclusión de criterios bioclimáticos e de eficiencia enerxética, e contará con medidas para a xeración de enerxía renovable, o fomento da mobilidade sostible, o uso de materiais e tecnoloxías limpas e o aforro enerxético, orientando os viais, zonas verdes ou edificios para aproveitar o sol e os ventos dominantes.
Neste proxecto cofinanciado pola Unión Europea, o Concello de Lugo está acompañado da Deputación de Lugo e tamén conta co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidad Politécnica de Madrid.