A primeira alcaldesa de Lugo en toda a súa historia, Lara Méndez (PSdeG-PSOE) atende a Nós Televisión a poucos metros da Casa Consistorial, na Praza Maior da cidade. Nun mes de agosto tranquilo malia as altas temperaturas, quixemos saber de primeira man sobre varios temas de actualidade na cidade.
Aínda que quedan meses para as eleccións municipais a sombra de Feijóo é alongada. Nótase nas relacións da administración galega cos gobernos locais, segundo teñen comentado en máis dunha ocasión rexidores e rexidoras de varias localidades do país, e Lugo non é unha excepción. Preguntada polas relacións entre concello e goberno galego Méndez asegura que o trato da Xunta, gobernada polo PP, co concello de Lugo é “inxusto” e pon exemplos. Salienta temas de primeira magnitude para a capital da provincia como é a Intermodal ou o propio saneamento.
Orzamentos Participativos
Sobre o seu mandato e as políticas que aplicou nestes anos, nunha situación complicada na que ten diante a cinco grupos políticos na oposición, Lara Méndez explica a súa aposta por dar voz á cidadanía a través dos orzamentos participativos.
No caso de Lugo trabállase con contratos menores coa idea de dar máis axilidade ás propostas que se acheguen desde a poboación. A propia alcaldesa deixa aberta a posibilidade de que algunhas destas achegas que xurdan na consulta poidan pasar a formar parte nun futuro dos vindeiros orzamentos xerais.
Rematada a entrevista a rexedora lucense ten o tempo xusto para asistir a outro compromiso, desta vez unha reunión no concello. No horizonte e tralo verán queda ver como se desenvolve unha corporación municipal cun encaixe complicado e ás portas dunha nova cita electoral.