O sector apícola, ás veces tan mal tratado no noso país, ben merece ser recuperado. Esta foi a intención do Seminario de Apicultura Ecolóxica e Apiturismo que tivo lugar en Zobra (Lalín) durante esta e a pasada fin de semana. O seminario estivo impulsado pola concellería de Turismo que dirixe Paco Vilariño en colaboración coas 5 empresas meleiras asentadas en Lalín e coa Sociedade Agraria de Transformación “Abella Lupa” á que pertence Martiño Nercellas, un dos encargados de impartir un cursiño que misturou a apicultura con factores como o fomento do turismo e a posta en valor do patrimonio apícola.
Entrega de diplomas
Vilariño resaltou o éxito da actividade
O seminario rematou coa entrega de diplomas aos 30 participantes, acto no que participou o concelleiro de Turismo. Vilariño salientou “o éxito total desta actividade, tanto a nivel de participación como de contidos, dando boa mostra do atractivo, da proxección e da repercusión dunha proposta que, sen lugar a dúbidas, vai contribuír de maneira decisiva a acadarmos ese obxectivo que nos marcabamos cando decidimos poñer en marcha o seminario: potenciar o noso municipio como destino turístico poñendo en valor o seu patrimonio apícola e riqueza meleira”.
O seminario
O seminario tivo tres apartados diferenciados: o primeiro referido á formación e aprendizaxe no manexo das abellas, Apis mellifera L., e das colmeas en produción ecolóxica, ademais dos requisitos legais para a certificación da devandita produción. O segundo relacionado co achegamento, identificación e orixes do patrimonio apícola dos montes de Zobra e da Serra do Candán, ademais de no deseño de propostas de promoción turística vinculadas ás explotacións apícolas, ao patrimonio e á paisaxe na que se asentan. O terceiro e último, de marcado carácter práctico, versou sobre as técnicas de manexo de colmeas e apiarios e o deseño de centros de extracción e envasado con certificación ecolóxica. Tamén se trataron cuestións como a comunicación e deseño de itinerarios turísticos apícolas.