As asociacións culturais, veciñais ou colectivos sen ánimo de lucro consideradas de interese sociocultural para o Concello de Lalín poderán optar a axudas por un importe de 10.000 euros para as actividades que estean dirixidas á poboación en xeral. A concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, vén de informar de que a Xunta de Goberno Local aprobou as bases reguladoras para a concesión de axudas para a realización de actividades culturais para o ano 2017. Serán subvencionables todas as actividades e programas englobados dentro de calquera das seguintes vertentes: música, danza, literatura, viaxes culturais, audiovisuais, pintura, homenaxes, encontros, exposicións, conferencias, obradoiros, xornadas e en xeral, calquera actividade que teña como finalidade a promoción e divulgación dos valores culturais así como as actividades dirixidas á realización de festas de carácter etnográfico e de valor histórico-cultural.
O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais a contar dende o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOP. As solicitudes e demais documentación presentaranse exclusivamente e de xeito obrigatorio nos modelos normalizados establecidos a tal efecto, salvo no caso da memoria da actividade, que poderá presentarse en formato libre sempre que recollan os contidos mínimos que se establecen no modelo da mesma. Ditos modelos facilitaranse no Rexistro Xeral do Concello e na páxina web do Concello de Lalín www.lalin.gal. As solicitudes deberán ser presentadas preferiblemente a través do Rexistro Electrónico do Concello de Lalín. Igualmente serán admitidas aquelas solicitudes presentadas no Rexistro Xeral do Concello de Lalín.