O Concello de Lalín, a través da Oficina Municipal de Igualdade, convocou o XIV Concurso de cartas “Dillo a quen maltrata” e o VI Concurso de chios contra a violencia de xénero. O prazo para a presentación dos traballos permanecerá aberto ata o día 3 de novembro para o certame epistolar e ata o 10 de novembro para a publicación de chíos de Twitter. Desde o concello informan que o prazo para poder remitir as propostas quedará aberto ao día seguinte da publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia.
A concelleira de Muller e Igualdade, Celia Alonso, asegurou que estas iniciativas queren “promover entre a sociedade unha conciencia de condena e loita contra as violencias machistas, así como fomentar formas de vida e de convivencia en igualdade”. O feito de que sexa a través de concursos é un xeito, para a edil, de “estimular a reflexión sobre a lacra da violencia de xénero nas súas diferentes manifestacións e sobre os efectos e consecuencias da mesma na sociedade, coa finalidade de incrementar a sensibilidade da cidadanía con respecto a esta problemática social”. As bases dos dous concursos pódense consultar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), e na páxina web municipal, www.lalin.gal.
Haberá premios
Os premios para o concurso de cartas serán un diploma acreditativo e un premio dunha Tablet Android 10 polgadas e 8GB para o gañador ou gañadora, unha Tablet Android de 7 polgadas e 4GB de memoria par o segundo/a e un E-Book táctil de 7 polgadas para o escritor ou escritora da carta elixida en terceira posición. O mellor chio de Twitter levara como premio unha Tablet Android de 10 polgadas, que será entregada nun acto público.