Agochado no ruído da Nacional VI atopamos un espazo no que seguramente nunca reparamos: o Pazo de Arenaza, un espazo de traballo cooperativo desenvolvido pola Deputación da Coruña. Dentro del, proxectos tan diversos e interesantes coma Kibutz.
Kibutz é unha cooperativa que está a crear unha comunidade de persoas e proxectos cunha filosofía común: modelos de vivenda e de relacións co entorno que son alternativos pero que din, “non deberían selo”. Unha das ideas chave, en palabras de Alberto Santos é “aproveitar espazos que non están sendo usados a través da cesión de uso, da bioconstrucción ou da reciclaxe.”
Nin alugueiro nin compra: cesión de uso
A cesión de uso é un modelo de acceso da vivenda que xa existe pero que no estado español é minoritario (en torno ao 6%). Este modelo está oculto polo alugueiro -que está a sufrir unha burbulla considerable- e pola vivenda en propiedade, modelo tradicional e caduco que impera no Estado. Alberto conta que nos países escandinavos a cesión de uso chega ao 30%, en Dinamarca co modelo Andel ou no Uruguai co modelo Fucvam. Tamén máis preto, en Catalunya con iniciativas como Sostre Cívic, activa desde 2004.
Un exemplo, que conta Kibutz na súa web: David é socio da cooperativa e propietario dunha horta que non pode xestionar, polo que busca cedela a quen poida aproveitala para facer unha horta ecolóxica. Toda a xestión faina a cooperativa, de xeito que o ‘arrendador’ consigue ter a horta en bo estado e as dúas persoas interesadas en tela poden desfrutala cun custo moitísimo máis baixo ao do alugueiro tradicional. Deste xeito, o modelo evita calquera atisbo de especulación.
Ademais, en Kibutz tamén fan actividades de formación e sensibilización que podedes consultar aquí.