Joan Clos, ex-alcalde de Barcelona: “Preparádevos, o turismo vai medrar moito”

O político catalán, artífice da remodelación de Barcelona que significou o 'Forum de les Cultures', reflexiona sobre o turismo en Compostela ante as preguntas de Nós Televisión

Turismo e cidade. Un binomio que está a complicar cada día máis cidades. É o caso de Compostela que mira como medra día a día a presenza de visitantes no seu casco histórico nos arredores da Catedral, nun espazo que estivo pensado para cifras moi inferiores e con outros condicionantes moi diferentes aos da actualidade.

Deste binomio e da súa experiencia falou para Nós Televisión Joan Clos, o que fora alcalde de Barcelona entre os anos 1997 e 2006 para pasar logo, de xeito breve, polo ministerio de Industria, Comercio e Turismo do goberno de Zapatero. Desde outubro de 2010, é Director Executivo do Programa de Nacións Unidas para os Asentamentos Humanos (ONU HABITAT) e sobre cidades falou na capital galega convidado polo Ateneo.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

As outras cidades

“Hai que repensar as cidades para o turismo”, sinala o ex-alcalde de Barcelona. Médico de profesión, é dos que pensa que o incremento de número de visitantes que teñen as cidades europeas non ten que ser negativo. “É mellor xestionar unha comilona que a fame”, asegura.

En todo caso a clave, para Joan Clos, está en “diversificar o espazo”, modificar en parte o actual modelo que se foi creando co paso dos séculos e que, no caso de Compostela ou doutras cidades, deu lugar ao que na actualidade temos.

O turismo medrará moito

Hai quen di que súa propia cidade, Barcelona, está a “morrer de éxito” pola cantidade de visitantes que recibe cada día e que o propio concello ten dificultades para controlar. Á difícil convivencia entre a cidadanía e o turismo que vemos en grandes titulares xornalísticos se lle suma os cambios económicos no prezo da vivenda e no abandono de grandes zonas céntricas de veciñas e veciños de toda a vida pola presión de grupos de inversores que aproveitan as circunstancias.

 

“Non perdamos o tempo, xestionemos o turismo”

Diante desta situación o ex-alcalde de Barcelona cre que hai que actuar. “Non perdamos o tempo, xestionemos o turismo”, afirma Joan Clos, “o turismo vai a aumentar e moito, non hai volta atrás”. Defende esta idea sinalando os cambios socioeconómicos que se deron nos últimos dez anos en países como China ou Rusia. “Agora o número de persoas que pasaron a ser clase media neses países multiplicouse e aínda ten que vir o incremento máis grande, e esa xente quere viaxar, visitar lugares atractivos”.

Cando se lle pregunta por cidades como Compostela, Vigo ou A Coruña que non teñen esa dimensión de urbe que ten Barcelona, Joan Clos aconsella “aumentar as alternativas, crear novos espazos que interesen ao visitante e que agora non existen” e sobre todo “desestacionalizar”.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -