O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo pecha a súa edición con maior número de participantes da súa historia. O FIOT, que desenvolveu a meirande parte da súa actividade entre o 27 de setembro e o 1 de novembro, acadou a cifra de 16.273 participantes, un dato que consolida á cita como o maior festival de teatro de Galicia.
Nesta edición, na que o FIOT puxo o foco no teatro social e subiu ao escenario novas miradas sobre realidades como as violencia machistas, a identidade sexual, a xenofobia ou a soidade, co obxectivo de interpelar ao público, o festival obtivo a nota media máis alta da súa historia: un 4,44 sobre 5.
A creación escénica do Programa de Sala máis valorada polo público foi Jauría, de Kamikaze Producciones. A dramaturxia de Jordi Casanovas, un dos pratos fortes desta edición do festival, é unha peza de teatro-documento que se basea na transcrición das declaracións da demandante e acusados do xuízo de La Manada. A obra, dirixida por Miguel del Arco, acadou 4,68 sobre os 5 puntos de valoración para as espectadoras e espectadores deste 28ª FIOT, que recoñeceron así o traballo dun reparto encabezado por María Hervás (gañadora do Premio do Público 2018 por Iphigenia en Vallecas) e o galego Martiño Rivas. O galardón supón o compromiso do festival de convidar á compañía gañadora, ou ás e aos artistas responsables do proxecto, a formar parte dunha futura edición do FIOT.
Tras Jauría, a obra máis destacada polo público no Programa de Sala foi a estrea absoluta de O electo, unha coprodución de Contraproducións, Focus e o propio FIOT, que obtivo unha puntuación media de 4,62 puntos. A peza La Golondrina, de LaZona, cun total de 4,61 puntos, completou o podio das tres pezas máis valoradas polas espectadoras e espectadores do Programa de Sala, que acadou un 4,34 de media no total das funcións.