Dous dos pratos fortes das artes escénicas da tempada chegan esta fin de semana a Carballo no marco do 28º Festival Internacional Outono de Teatro, o FIOT. O venres, ás 21 horas, será a quenda da estrea de Juguetes, de Producciones Rokamboleskas, unha creación da dramaturga e directora Carolina Román, quen propón unha reflexión sobre a identidade sexual, o empoderamento e a capacidade da sociedade para dar cabida ao colectivo trans.
Xa o domingo 13 chegará a Carballo un dos grandes éxitos deste 2019: Jauría, a dramaturxia de Jordi Casanovas creada a partir da transcrición de fragmentos das declaracións da demandante e dos acusados do xuízo de La Manada. Esta peza de teatro documento, que pon o foco nun caso que marcou un antes e un despois na relación social coa violencia sexual, está dirixida con mestría polo recoñecido Miguel del Arco, gañador do Premio Nacional de Teatro 2017 co proxecto El Pavón Teatro Kamikaze e director de obras como Misántropo, Juicio a una zorra ou Ricardo III.