
Ser pallaso pode chegar a ser delito nalgúns países. Esta é a denuncia que quixo facer o pallaso Iván Prado que hoxe rematou a peregrinación que iniciou o pasado 29 de maio en Xixón para reclamar a liberdade de Abu Sakha, un artista palestino que o Estado de Israel mantén encarcerado sen cargos dende hai 18 meses.
Á súa chegada á Praza do Obradoiro foi recibido polo alcalde da cidade e varios membros da corporación para despois explicar aos medios a dura situación de Sakha que aínda continúa encarcerado.
Martiño Noriega agradeceu o traballo de Iván e do colectivo dos Pallasos en Rebeldía
O alcalde, Martiño Noriega, agradeceu o compromiso de Iván Prado e do conxunto dos Pallasos en Rebeldía neste tema. Deste xeito, o alcalde de Santiago resaltou o compromiso e o traballo desenvolvido “conciliando a reivindicación das causas xustas coa procura dun sorriso entre os máis desfavorecidos”
Crónica realizada polo colectivo “Pallasos en Rebeldía”
“Abu Sakha está encarcerado simplemente por dedicarse á arte de levantar a esperanza do pobo palestino“
A web de novas de Al Yazira, citando fontes militares israelís, asegura que as actividades do pallaso palestino poderían representar un perigo para a rexión. Ademais da protesta de Pallasos en Rebeldía varias organizacións, como Amnistia Internacional, tamén realizaron protestas a nivel internacional para pedir a súa liberación.