Cúmprense seis anos do accidente ferroviario que provocou a morte de 80 persoas e que deixou a 144 feridos no barrio compostelán de Angrois, ao descarrilar un tren Alvia que circulaba cun exceso de velocidade nunha liña que non dispuña dunha adecuada análise de riscos no seu tramo final.
As responsabilidades penais seguen sen determinarse. No auto de peche da instrución, que foi recorrido por varias partes personadas no caso e está pendente do veredicto da Audiencia Provincial da Coruña, permanecen imputados ao maquinista, Francisco Garzón Amo, e ao exdirector de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte. As persoas familiares e vítimas do Alvia percorreron as rúas de Compostela neste 24 de xullo para esixir unha investigación independente que depure as responsabilidades políticas do caso logo do descrédito da CIAF, dependente de Fomento, en Europa.