O pasado 13 de agosto, o BNG rexistraba unha proposición non de lei para institucionalizar o 17 de agosto como ‘Día da Galiza Mártir’, para honrar ás persoas perseguidas e asasinadas polo franquismo en Galicia.
O xerme desta idea xorde en 1942 en Bos Aires, cando a Irmandade Galega de Arxentina presidida por Castelao, escolleu a data como homenaxe a Alexandre Bóveda Iglesias, fusilado o 17 de agosto de 1936 na Caeira (Poio). Valentín García Bóveda, neto do histórico galeguista e membro da Fundación Alexandre Bóveda, cre que a institucionalización deste día significaría “volver e dar lexitimidade ao que pedía o galeguismo daquela no exilio: un día para lembrar a todas as persoas mártires do país.”
No marco actual, García Bóveda considera que a reivindicación é necesaria para facer memoria e para “establecer unhas políticas de memoria eficaces que traballen máis alá do político, no social, de xeito que a sociedade normalice que hai unha homenaxe ás persoas represaliadas.” Ademáis advirte que o descoñecemento das novas xeracións sobre os mártires galegos é “prácticamente absoluto”.
Para García Bóveda, a institucionalización suporía “dar lexitimidade ao que pedía o galeguismo no exilio”
Os precedentes da institucionalización e o posicionamento do PP
O texto rexistrado polo deputado nacionalista Luis Bará baséase nun acordo aprobado no Parlamento en 2006 encamiñado a recoñecer a figura de Bóveda pola súa participación no Estatuto do 36. Non é unha reivindicación nova. En 2013 a Fundación Alexandre Bóveda rexistrou en todos os concellos e deputacións unha petición para a institucionalización do 17 de agosto como “Día da Galiza Mártir”.
Desde a Fundación, explican que o contexto de 2019 é moi diferente ao de 2013: “Daquela era imposible traer A derradeira leición do mestre e o ano pasado fíxose con normalidade. Este contexto habilítanos a volver pedir a institucionalización porque non tería sentido negalo despois do éxito da exposición ao redor do cadro”.
García Bóveda, sobre a posición do PP: “Agora sería moi complexo explicar unha negativa a institucionalizar o día”
Agora, a institucionalización do ‘Día da Galiza Mártir’ terá que pasar polo Parlamento. García Bóveda afirma que BNG, En Marea e PSdeG se manifestaron a favor, polo que a pelota está no tellado do PP: “Terán que tomar unha decisión, pero entendemos que será favorable.” Recorda tamén que numerosos concellos, a Deputación de Ourense e varios deputados e alcaldes do PP xa votaron a favor da proposta: “Agora sería moito máis complexo explicar unha negativa a institucionalizar o día.”
Para García Bóveda, que todo o arco parlamentario votase a favor dun día para as persoas mártires do país suporía “externalizar á sociedade a normalización dunha merecida homenaxe”, algo que hoxe semella estar máis preto que nunca.