A Inspección de Traballo da Seguridade Social vén de pedirlle á Xunta de Galiza que faga test a todo o persoal e residentes cando haxa sospeita dun positivo segundo informaba este martes a Confederación Intersindical Galega (CIG). O sindicato presentara denuncia ante esta Inspección o pasado 18 de marzo ao considerar que o Goberno galego “non estaba a tomar ningún tipo de medidas de protección” fronte o virus nas residencias de maiores, centros de menores e persoas dependentes.

No documento, emitido por Inspección, exíxese ademais o establecemento de medidas de protección ao persoal traballador de forma que se garanta a súa seguridade fronte o risco de infección polo COVID 19, entre as que está EPIS adecuados, protocolos, formación ou test masivos.  A nivel xeral, a CIG valora positivamente as medidas requiridas no documento da Inspección, malia considerar que “chegan tarde”.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Neste sentido denuncia que “por mor da falta de medidas preventivas aplicadas con celeridade pola Xunta, na actualidade existen casos de persoas contaxiadas polo COVID-19 en case todos os centros”. Porén, subliña, “a día de hoxe a Xunta segue sen informar do número real de persoas infectadas (traballadoras e usuarias ) a pesares de que no mesmo requirimento establece esa obriga”.

A CIG conclúe que este requirimento vén confirmar a “ineptitude e inacción da Xunta de Galiza na xestión dos centros sociais residenciais. Máis cando estamos a ver o que sucedeu nas residencias de maiores de Madrid ou Cataluña”. Por iso a central sindical non entende como “un mes despois de que comezáramos a demandar medidas siga sen actuar obrigando ao persoal a traballar sen EPIs nin protocolos preventivos e teña a pouca vergonza de xogar coa saúde do seu persoal e dos nosos maiores para facer campaña política”.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -