O Curso de Formación en Igualdade, de 100 horas, é eminentemente práctico e consta de dous módulos. O primeiro deles impartiuse durante os meses de outubro, novembro e decembro e as 30 alumnas e alumnos que participaron puideron acadar unha certificación de nivel I expedida pola Universidade de Vigo.
Neste segundo que comeza hoxe e rematará no mes de marzo farán mención á transmisión de estereotipos no sistema educativo, deténdose na análise da linguaxe, dos espazos e agrupamentos, dos materiais didácticos, das quendas de palabra, das tarefas e actividades así como do currículo educativo e dos cargos. Tamén se abordarán cuestións relativas á lexislación actual en materia de igualdade, á violencia de xénero e á avaliación e identificación de elementos sexistas no sistema educativo, analizando accións positivas.
Esta acción formativa, subvencionada pola institución provincial a través da Escola de Igualdade María Vinyals, enmarcada no Servizo de Igualdade da Deputación, será impartida por profesionais do centro universitario vigués.