- Publicidade -

Se as previsións se cumpren, dentro de dez meses haberá catro vías de acceso a Santiago de Compostela dende a AP-9. A Xunta e o Ministerio de Fomento deron comezo este mércores ás obras que conectarán a devandita autoestrada coa Cidade da Cultura. O ministro Íñigo de la Serna asegurou que este proxecto amosa o “firme compromiso” do Estado con Galicia e Compostela.

Para Feijóo, as obras marcarán un “antes e un despois” para a Cidade da Cultura

Esta obra conta cun orzamento de 3’3 millóns de euros, e permitirá aliviar o tráfico nos barrios de San Lázaro e Fontiñas. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosou a súa “satisfacción” polo que el considera “xenerosidade” de Fomento no tocante as contías destinadas a Galicia, malia as múltiples críticas vertidas dende BNG, PSdeG e En Marea lamentando que o nivel de execución destes orzamentos roldase o 50%.

Feijóo: “Hai que aprobar os Orzamentos do Estado para poder executar obras coma esta”

Así e todo, Feijóo reservou unhas verbas para os partidos da oposición no Congreso e instou a tódolos grupos a aprobar os Orzamentos Xerais do Estado para “non paralizar proxectos coma este” e “deixar gobernar” á executiva de Mariano Rajoy.

- Publicidade -