Home Programas Espazo Aberto A II edición do Concurso “Balbinos” aposta polo rural galego

A II edición do Concurso “Balbinos” aposta polo rural galego

0

O pazo de San Roque acolleu a presentación da segunda edición do Concurso Balbino de Relatos, que premiará ao mellor traballo inspirado no rural galego. As bases do concurso, así como o nome, foron acordados xunto cun dos referentes da nosa literatura, o autor Neira Vilas. Así o explicaba o responsable da empresa promotora, Manuel Núñez.

O Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, actuou de anfitrión nesta presentación e na súa intervención salientou a importancia deste certame para o fomento da creatividade en lingua galega xunto ao coñecemento do noso mundo rural.

Un rural vivo e moderno, mais non por isto excluínte do tradicional

As bases do concurso son practicamente as mesmas ca as do ano pasado, xa que o único que varía é a diferenza de caracteres mínimos: de 120.000 a 100.000. Segundo indicou o deputado provincial da Cultura e Lingua, Xosé Leal, o que se pretende con esta iniciativa é que xordan novos relatos do rural.

No acto tamén participaron o alcalde de Boqueixón, Manuel Munín e o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luís Reimóndez. Este último lembrou a importancia mediática que tivo este premio na súa anterior edición.

A data límite de entrega é o venres día 30 de xuño e poderá participar nel calquera persoa -sen exclusión por motivos de nacionalidade- de calquera idade e coa única condición de que o relato sexa escrito en lingua galega. O premio mantense en 1500 euros e tamén a publicación da obra gañadora por Edicións Fervenza.