Cada vez máis, Compostela convértese nunha cidade turística, un sector que xa ocupa un papel fundamental da economía; e cada vez máis, os comercios, a vivenda, e o espazo público enfócase a satisfacer a crecente demanda. E como en todas as cidades que son punto de interés, atopar o equilibrio para manter a calidade de vida dos residentes é tanto un reto como unha necesidade. Deste tema quixeron conversar as cámaras de Nós Televisión co arquitecto e investigador de urbanismo, Iago Lestegás.
“En Santiago vívese ben”, comenta Lestegás, “pero nos últimos anos estamos a ver unha tendencia cara a masificación, sobre todo no centro histórico“. Así, lugares que antes empregaban os residentes, agora están enfocados aos turistas, algo que hai que regular “se queremos centros históricos multifuncionais” engade o investigador.
Definir as áreas saturadas para controlar os fluxos, como se fixo na Praia das Catedrais, ou o Plan Especial do Centro Histórico que regula os alugueres turísticos de Compostela na cidade vella son algunhas das regulacións para solucionar os efectos negativos do turismo, explica Lestegás, así como as polémicas taxas turísticas, “ingreso fundamental” que xa aplicaron “moitas cidades do mundo”.