O 2019 foi o ano no que o Movemento Hostalería sen Explotación comezou a visibilizar os problemas dun dos sectores laborais máis precarios de Galiza. O 1º de maio dese mesmo ano, presentaban un texto con pasos a seguir para non colaborar na explotación das traballadoras deste sector, e lentamente foron facéndose máis visibles. Para o 2020, esperan “desenvolver as ideas que foron saíndo durante o ano pasado”, e “seguir ampliando” o número de participantes no movemento.
O Nadal na Hostalería
Cristina, unha das voceiras de Hostalería sen Explotación, conta como se vive o Nadal desde o punto de vista dunha traballadora deste sector. “Trabállase moitísimo e en moitas ocasións con grupos grandes e menús con pratos variados”, conta. “Normalmente a xente ten unha actitude boa, pero sempre hai quen ten que dar a nota con malos modos ou comentarios fóra de lugar, especialmente nos bares de copas e en Noitevella ─pero en xeral durante toda a tempada de ceas de Nadal─. Nesta época é cando a clientela se desmadra máis e o persoal ten que aturar de todo: desde pelexas ata desperfectos no local; actitudes machistas coas camareiras; borracheiras criminais… E a isto hai que lle sumar o feito de que, quen traballa nestas datas, deixa de estar coa súa familia. Isto engade unha compoñente psicolóxica importante que non se valora o suficiente, nin económica nin socialmente”, denuncia o voceiro.
A todo isto súmaselle unha problemática que acontece durante todo o ano, pero que durante estas datas é aínda máis común: as horas extraordinarias. Nunha enquisa levada ao cabo polo movemento no verán de 2019, concluíase que 7 de cada 10 camareiros consideraban normal non cobrar estas horas de traballo a maiores. Para o colectivo, isto tamén acontece durante o Nadal. “É moi común que durante estas datas os bares recurran a servizos extraordinarios, que están regulados no convenio colectivo. Porén, a maior parte non se ateñen ás condicións legais reflectidas no mesmo, e isto é, de novo, un niño de explotación e precariedade“, denuncian. Con todo, desde Hostalería sen Explotación puntualizan que hai lugares onde isto non acontece e as condicións das horas extra son “moi boas” e permiten “ter un ingreso puntual durante a tempada baixa, cando moitos traballadores do sector están no paro”.
Para o ano que empeza, desde Hostalería sen Explotación pensan seguir loitando polos dereitos das traballadoras e traballadores deste sector, e por cambiar a situación dun gremio onde un 63% das súas camareiras non firmou un contrato de máis dun ano. Para iso, o movemento espera “seguir ampliando a rede de traballadores e traballadoras que colaboran” no proxecto, e “ter “presenza” en diversos subsectores da hostalería como a limpeza de pisos, o persoal de cociña e asistentes, as camareiras e camareiros, ou o persoal de reparto e de hoteis. Cristina teno claro: “Vai ser difícil, pero é un obxectivo grande e a longo prazo“, comenta. Tamén buscan “profundizar e actualizar o informe sobre a situación laboral na hostalería compostelá”, e facer conscientes dos seus dereitos ás traballadoras migrantes “que traballan en condicións precarias e sen coñecemento da lei, o que pon a este colectivo en situación de explotación case constante, e nunha grande invisibilidade”, engaden desde o movemento.
Xacobeo 2021
Desde Hostalería sen Explotación tamén teñen “os ollos moi postos no Xacobeo 2021, porque todo indica que vai ser un ano dunha aínda maior afluencia turística, o que trae aparexado un certo ‘descontrol’ no sector”, comentan. “Gostaríanos que, para cando chegue ese momento, haxa unha conciencia de que temos que facer as cousas doutra maneira nesta cidade, onde a hostalería é un motor fundamental e que debería caracterizarse pola súa calidade, posibilidades formativas, profesionalización e dignidade de condicións. Só deste xeito conseguiremos dignificar a profesión, o que a longo prazo será percibido como algo positivo que nos diferenciará doutros destinos turísticos”, engade o voceiro do movemento.
Porén, desde o movemento teñen claro que “a hostalería non é só cousa do turismo, nin pode selo”. A estacionalización do propio turismo “trae tamén unha estacionalización dos traballos, e nesa situación hai moitisímas persoas nesta cidade, saltando de traballo en traballo, facendo extras, cobrando paro cando teñen suficiente”, denuncian. “Non temos solucións máxicas para isto, pero si queremos que se reflexione sobre este problema, que a sociedade non mire para outro lado e que as administracións fagan o posible por erradicalo: perseguir os traballos sen contrato, mellorar as condicións do convenio para os contratos de tempada, bonificar os contratos de longa duración… E en canto aos consumidores, que teñan un maior respeto polos horarios dos traballadores, que valoren os locais que acrediten un trato digno, e traten ben a quen atende. Seguro que cun debate público e obxectivo atopamos medidas sinxelas que comecen a resolver isto“, rematan.