Lembranza, no Vello Cárcere e Bispo Aguirre, a Isidro Novo, que dará nome á Biblioteca Municipal. Amizades e familiares de Isidro Novo xuntáronse en Lugo este pasado sábado para renderlle unha merecida homenaxe. Música e poesía para lembrar ao magnífico poeta falecido neste ano e que foi membro do consello directivo da Asociación de escritores en lingua galega (AELG).
Esta xornada de homenaxe arrincou cun simposio, no auditorio do Vello Cárcere. Nel interviron Jose Luis Calvo, X.Ramón Freixeiro, Yago Rodríguez, que fixo Unha achega intimista á narrativa de Isidro Novo e Marica Campo. Tamén se celebrou o faladoiro Alén da escrita. O outro Isidro; coa participación de Cesáreo Sánchez, Darío Xohán Cabana, Paco Martín e X. Henrique Rivadulla.
Xa en xornada de tarde, o patio do Vello Cárcere acolleu tamén un recital, no que interviron Xoán Neira, David Otero, Xosé Lois García, Lois Diéguez, Toño Núñez, Alberte Momán, Xoán Xosé Fernández, Martiño Maseda, José Blázquez, Joaquín Carballido, María Xosé Lamas, Xosé Miranda, María José Fernández, Paco Reija e Luis Valle.
Durante toda a xornada no patio central e celas do Vello Cárcere, houbo ademais unha exposición con libros, fotografías, ilustracións e outros obxectos vinculados ao labor creativo e vivencial de Isidro Novo. Con todas estas actividades, posteriormente o Concello de Lugo editará un libro.