Hai políticas culturais en Galicia?

Profesionais da xestión cultural demandan ás institucións consenso, planificación e un maior financiamento

O sector cultural en Galicia móvese e é critico. A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) organizou o pasado 13 de decembro na Cidade da Cultura un encontro que, baixo o título de “Xornada sobre políticas culturais en Galicia: un debate necesario”, tratou de deitar luz sobre a pregunta de se hai políticas culturais no noso país.

“Non houbo unha planificación suficiente”, afirma Alberto García, presidente da AGPXC, “non houbo un consenso suficiente, nin financiamento proporcional a toda a xente que está traballando en cultura”, engade.

Política cultural partidista?

Se non planificación nin consenso, logo como son as políticas culturais hoxe en día no noso país? Clara Rodríguez, xestora cultural, pensa que “non hai moitas máis alá do egocentrismo de cada catro anos e das cores políticas”.

 

Non houbo unha planificación suficiente

Ou sexa, que poden mudar dun ano para outro se temos en conta que todas as institucións galegas (concellos, deputacións, Xunta) teñen os seus propios departamentos de cultura. Outra xestora cultural membro da AGPCX, Emi Candal, fala ademais de que “faltan políticas coordinadas desde todas as administracións e que haxa un investimento real”. Algo difícil se atendemos á diversidade de sensibilidades que hai dentro do mundo institucional galego.

Reflexión e debate

A xornada organizada pola AGPCX chegou logo “dun ano valorizando o traballo do sector cultural galego” e “co obxectivo de debatir sobre se hai ou non hai políticas culturais en Galicia e, en todo caso, falar sobre as que son e as que deberan ser”.

Na Xornada presentouse o documento que a AGPXC elaborou como aportación dos profesionais da xestión á “Estratexia Cultura” da Xunta de Galicia 2018. Nel fan achegas aos diferentes sectores da cultura (artes escénicas, música, libro, museos, patrimonio, artes visuais e audiovisual).

Neste documento afirman presentar as propostas procurando “unha visión (…) ben planificada e integradora dos axentes que a fagan transformadora, que teña en conta a traxectoria e o contexto que nos é propio, e ben conducida a través dun proceso sistemático, é necesaria e ilusionante para construír as políticas culturais que necesitamos como sector e como país”.

Reportaxe emitida no noso informativo do 16 de novembro de 2018

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego