O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega acordou incorporar ao Dicionario novas entradas e acepcións relacionadas co vocabulario da pandemia de coronavirus. Entre elas figura a palabra gromo para denominar a aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar.
Outra das palabras recentemente incorporadas ao dicionario da RAG é repunta para se referir á nova aparición de algo, especialmente dunha enfermidade epidémica nun lugar en que xa estaba controlada ou en vías de desaparición. A última actualización do Dicionario, visible dende hoxe, incorpora ademais outras voces científicas que irromperon na linguaxe cotiá por mor da pandemia como triaxe, gotícula, polimerase ou cápside.
A Real Academia Galega xa incorporou o pasado mes de maio ao seu Dicionario outras voces relacionadas coa pandemia como covid-19, coronavirus, desconfinamento ou desescalada. Desta volta entran tamén triaxe, gotícula, cápside, reservorio e polimerase, termo que saltou dos laboratorios á rúa pola xeneralización da técnica de reacción en cadea da polimerase (PCR, polas súas siglas en inglés) para diagnosticar o coronavirus.