Agustín Fernández Paz naceu en 1949 en Vilalba. Desde mediados dos anos setenta estivo ligado aos movementos de renovación pedagóxica. Foi membro fundador dos colectivos Avantar e Nova Escola Galega.

É autor de diversos traballos espallados por xornais e revistas (As Roladas, Cuadernos de Pedagogía, Revista Galega de Educación, CLIJ, Signos, TEXTOS ou Revista Galega do Ensino). A maior parte xiran ao redor de temas como a normalización lingüística no ensino, a didáctica da lingua, o fomento da lectura, a literatura infantil e a introducción dos medios de comunicación nas aulas.