O BNG de Santiago de Compostela xa ten “cabeza de lista” para as eleccións municipais de 2019. As bases da formación nacionalista elixiron como candidata a Goretti Sanmartín Rei (A Estrada, 1964), concelleira na cidade e vicepresidenta da Deputación da Coruña. Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC, exerceu tamén como profesora universitaria neste eido.
A candidatura que liderará Goretti Sanmartín aspira non só a superar os dous escanos acadados en 2015, senón a gobernar a capital do país e, sobre todo, ser un partido “determinante” nas políticas que se desenvolvan en Compostela. O seu obxectivo é que a cidade “volva ser referente en política urbanística, ambiental e feminista”.
Compostela Aberta afógase na xestión diaria
O seu principal obxectivo é acentuar as “potencialidades” que o Goberno “gris” de Compostela Aberta “non está aproveitando”. A “democratización dos espazos de Compostela” ou unha mellora substancial en materia de accesibilidade e mobilidade son as cuestións que a concelleira nacionalista salienta para “pór ás persoas no centro”. O proxecto do BNG para Compostela é, segundo incidiu a candidata, un Goberno que non se “afogue” na “xestión diaria” da cidade.
Apoio de Ana Pontón
Tanto Goretti Sanmartín coma o Bloque saen “a por todas” nas vindeiras eleccións, coa “enorme ilusión” de gobernar a capital galega. A voceira nacional do partido, Ana Pontón, asegurou hoxe que as candidaturas encabezadas pola concelleira e vicepresidenta da Deputación en Santiago e por Francisco Jorquera na Coruña amosan os “ánimos renovados” dun BNG que aspira a gobernar nas principais cidades galegas.