O BNG de Santiago quere facer os seus deberes con tempo e está xa a traballar no deseño da súa candidatura para as eleccións de 2019. A cabeza de lista será Goretti Sanmartín, que estará acompañada na listaxe definitiva por “xente nova” e persoas “con experiencia” na política local, tanto de dentro coma de fóra do partido.
A listaxe do BNG mesturará xente nova con persoas experimentadas
Sanmartín manterá proximamente xuntanzas con diferentes sectores da cidade para artellar o seu progama electoral. A nova cara visíbel da formación anunciou este xoves, nun almorzo informativo, que asumirá a portavocía municipal do partido, até o de agora competencia de Rubén Cela.
Compatibilidade coa Deputación
O seu novo cargo como voceira será compaxinado durante os vindeiros meses coa vicepresidencia da Deputación da Coruña. A concelleira nacionalista lembra que a súa formación avoga pola supresión das deputacións, mais, mentres isto non aconteza, a institución seguirá a “servir á cidadanía” a través dun “programa de actuación claro e conxunto” entre o BNG e o PSdeG.