
O director da Escola Oficial de Idiomas, Gonzalo Constenla, volveu reclamar un centro que cumpra cos requisitos que esixe a normativa vixente para as escolas oficiais de idiomas.
Constenla afirma que debido ao aumento social do interese polos idiomas, “nesta escola tamén tivemos un aumento considerable nestes últimos anos.” Durante o proceso de admisión e matrícula, son habituais as ringleiras e durante o curso, empréganse incluso os laboratorios e o salón de actos para dar clase. Tanto é así, que polas tardes foi necesario trasladar aos alumnos a un instituto de secundaria: “Temos 700 alumnos desprazados ao Instituto de Sar, polo que xa non todos están nas mesmas condicións.”
Os alumnos e alumnas coinciden nese aumento de demanda e algúns din que o problema leva xa moitos anos, pero explícannos que en xeral están contentos co prezo e coa calidade da formación. Constenla recorda que o edificio non foi construído para o uso que ten agora: “Este centro foi creado para botar a andar pero era un centro de educación infantil e as dotacións non se corresponden cos requisitos dunha escola oficial de idiomas.”
O director da Escola Oficial de Idiomas lembra tamén que se está a incumprir o decreto de 2018 para escolas oficiais: “O goberno galego aprobou un decreto en 2018 onde se recollen os requisitos mínimos dos edificios habilitados como escola oficial de idiomas e este incumple moitos deles.”
Esta situación provoca un grande problema: “hai demanda para incorporar outros idiomas como o xaponés ou o árabe pero non podemos, porque o salón de actos ou o laboratorio estámolos empregando como aulas. Temos un gran problema neste sentido”, conclúe Constenla.