O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso reitera nunha entrevista concedida a Nós Televisión algunhas diferencias co actual goberno da Xunta de Galicia. Mália a boa sintonía institucional que caracteriza as relacións entre ambas institucións, a xestión de infraestruturas como o centro de menores e os institutos que agora leva a Deputación segue a ser unha cuestión non atendida.
Unha anomalía
O Centro de día de menores de Ferrol conta cunha capacidade de 75 prazas (70 prazas conveniadas co Concello de Ferrol e 5 co de Narón) e o Fogar Infantil Emilio Romay dispón de espazo para 25 nenas/os nas dúas modalidades de internado e atención de día. No caso dos institutos a Deputación atende o IES Rafael Puga Ramón, un centro público que imparte Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, e o IES Calvo Sotelo, un Instituto público de formación profesional onde se estudan Ciclos Formativos de Grao Medio, Grao Superior e Formación Profesional Básica.
Outros asuntos
Agardamos unha modificación considerable da Lei de Administración Local
Na mesma entrevista González Formoso aproveitou a ocasión para comentar a mudanza de goberno en Madrid. Moitos son os temas pendentes que afectan directamente aos concellos galegos. Nestas primeiras declaracións logo da entrada de Pedro Sánchez o presidente da Deputación salientou unha das primeiras cuestións que debería tratar o presidente do goberno español.
O tamén secretario xeral do PSdeG da provincia da Coruña explicou que a súa formación vén de sair dun duro proceso e que está preparada para afrontar as vindeiras eleccións municipais que terán lugar o ano vindeiro. Para González Formoso a maneira de chegar á alcaldía ten moito que ver con “ser cercano” á veciñanza e levar a cabo as promesas que se fan.
Afianzar a poboación no rural
A perda de poboación nalgúns concellos tamén foi outro dos temas da entrevista. Para o presidente da Deputación da Coruña eliminar servizos non é a mellor maneira de potenciar o noso rural. Puxo como exemplo o peche de escolas. González Formoso denunciou que algunhas das que o goberno galego puxo na listaxe de “prescindibles” contou no seu día con inversións importantes.
O caso do peche de escolas implicaría, segundo o presidente da Deputación, que moitas familias terían que deixar o seu lugar de orixe e desprazarse a vilas ou cidades coa conseguinte perda de poboación.