Antón Gómez-Reino, actual portavoz de En marea no Congreso dos Deputados obtivo o 55% dos votos nas eleccións en Podemos Galicia na que participaron algo máis de 3.100 persoas; nunha cifra semellante á obtida por Carmen Santos nas anteriores eleccións celebradas pola organización morada no noso País.
Especialmente notorias foron as diferenzas entre ambos candidatos durante as últimas semanas. O propio Gómez-Reino contaba co beneplácito da actual dirección estatal de Podemos e, en especial, de Pablo Iglesias con quen apareceu publicamente en varias ocasións durante a campaña. Ademais, o novo Secretario xeral de Podemos Galicia era o candidato que, dun xeito máis claro, se posicionou á favor de fortalecer os procesos de unidade popular en Galicia, converterase entón no novo Secretario Xeral da formación no noso país.
Así é, con Gómez-Reino falamos en varias ocasións durante as últimas semanas, ben sobre os procesos de unidade popular como tamén sobre o futuro de Alcoa ou a situación do emprego ou as pensións no noso país.
Na primeira entrevista concedida a Nós Televisión, o propio Antón Gómez-Reino apostou por “un espazo de cambio forte” de cara as vindeiras municipais ao tempo que afirmaba que a mellor maneira de resumir o obxectivo da súa candidatura, finalmente gañadora, é asegurar que está “comprometido co país, co futuro e coa unidade”.