Ás portas da estación de Renfe en Compostela, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, o deputado do Congreso, Néstor Rego, e a voceira do BNG en Compostela, Goretti Sanmartín detallaban as principais liñas de actuación do Bloque Nacionalista Galego perante o accidente do Alvia no que perderon a vida 81 persoas e 144 quedaron feridas.
Rego destacou que a formación nacionalista está traballando de forma coordinada para esixir ao Estado que cumpra de “forma inmediata” os requirimentos explicitados no procedemento de infracción que iniciou a Comisión Europea contra España hai xusto un ano por incumprimento da esixencia de control de riscos da normativa europea de seguridade ferroviaria.
“Tamén nos diriximos á Comisión para saber se recomendará de novo ao Estado español a súa obriga de que a CIAF realice unha investigación independente sobre o accidente que esclareza as súas causas”, sinala Miranda. “Goberno novo, comisión nova”, comenta ao respecto. “Queremos saber asemade se no marco da investigación técnica independente vai darse audición ás vítimas do accidente de Angrois e os seus familiares”, subliña o deputado do Bloque, quen considera “inaudito” que tiveran máis facilidades para ser recibidas pola comisaria de Transportes da Comisión Europea que polo ministro de Fomento.
Ademais, na iniciativa Rego solicita información tanto ao goberno como a Renfe e Adif sobre o contido do Plan de cumprimento enviado a Bruxelas en resposta ao procedemento de infracción aberto en xaneiro de 2019 e defende a reapertura da Comisión de Investigación no Congreso. “Escoitar ás vítimas é unha débeda con elas”, subliñou.