O portal informativo arredor da ciencia Gciencia e o proxecto 21 Días co Galego son os gañadores da nova edición do X Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña. O certame convócase co obxectivo de recoñecer iniciativas que promoven o uso do galego en todos os ámbitos.
O xurado decidiu outorgar o Premio Rosalía de Castro na categoría de colectivo, entidade ou asociación que máis destaca na promoción da lingua galega ao portal Gciencia dirixido por Pablo López e Eduardo Rolland por “contribuír á visibilización e ao prestixio da lingua galega no ámbito da divulgación científica, a través dun medio de comunicación que é un dos máis visitados en lingua galega”.
Na categoría que recoñece o traballo específico coa infancia e a mocidade, o gañador resultou ser o proxecto 21 Días co Galego, ideado e coordinado pola profesora Pilar Ponte Patiño que contou na súa última edición co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O xurado valora unha iniciativa que considera pioneira “para combater os prexuízos e estereotipos que se consolidou, estendeu e mesmo inspirou outras, referente no apoio á promoción do uso do galego entre a mocidade”.
O xurado estivo composto por persoas implicadas no ámbito da normalización lingüística como Xesús Manuel Mosquera Carregal , Julia Rigueiro García, Beatriz Vilaverde Santamariña, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, como presidenta e a técnica de normalización lingüística, Dores Sánchez Alegre, como secretaria.