O vindeiro 12 de agosto cumpriranse 43 anos do asasinato de Moncho Reboiras pola policía franquista e Galiza volve lembrar a figura do histórico combatente nacionalista.
O primeiro dos actos de homenaxe correrá a conta da Frente Popular Galega, e se celebrará este sábado ás 12.00h na praza do Toural de Teis, en Vigo, un lugar que Reboiras coñecía ben.
Ao día seguinte, a Unión do Povo Galego organiza en Ferrol a quinta edición das Xornadas de Formación Moncho Reboiras, comezando ás 11.30h.
Tamén se suma ás celebracións o Movemento Galego ao Socialismo, que fai un chamamento a acudir este domingo ao cemiterio de San Xoán de Laiño, en Dodro, ás 13.00h. Haberá palestras divulgativas, xantar popular e música a cargo de O Leo i Arremecághona.
E finalmente, tamén no cemiterio de Imo, o propio domingo ás 12.30 horas Agora Galiza realizará unha ofrenda ao militante nacionalista.