“A galiña azul” chega a Neda o 14 de maio

Fran Rei leva o espectáculo “A galiña azul” co que homenaxea ao autor das Letras Galegas 2017, Carlos Casares, á Casa da Cultura de Neda.

- Publicidade -

O espectáculo terá lugar o vindeiro 14 de maio ás 12 horas e nel Fran Rei mestura narración, humor, maxia e monicreques para achegarlle ao público infantil e familiar o universo que Carlos Casares creara para que a pequena Ana “non esquecese nunca que é galega”.

Ademais de compartir espazo con referencias doutras obras e da biografía do autor ourensán, neste espectáculo entrelázanse as cinco historias que compoñen A Galiña Azul: O peixe da fonte do xardín, A bomba da felicidade, A galiña azul, A formiga esquiadora e O final da historia da galiña azul. Cinco contos fantásticos nos que comparten protagonismo animais e homes con características peculiares e carácter entrañable.

Nesta versión de “A galiña azul” Fran Rei ponse baixo a dirección da luguesa Tareixa Campos, e conta coa colaboración de Marga Portomeñe, que deseñou e elaborou para o espectáculo uns monicreques a partir das marabillosas ilustracións orixinais do libro, de Trichi, Ilda, Mima e Alberto García Alonso, fillos de Xohán Ledo (Ricardo García Suárez).

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego