Home Programas Espazo Aberto Galicia, preparada para o Mundial de fútbol gaélico

Galicia, preparada para o Mundial de fútbol gaélico

0
Galicia, preparada para o Mundial de fútbol gaélico

As Seleccións Galegas de Fútbol Gaélico aceleran a súa preparación durante estas semanas coa vista posta nos Renault GAA World Games 2019, o Mundial dos xogos gaélicos, que se van celebrar na cidade irlandesa de Waterford a partir do 28 de xullo coas finais o 2 de agosto no mítico estadio de Croke Park en Dublín.

A fase preparatoria comezou hai varios meses con distintas concentracións de ambos combinados, pero intensificouse nos meses de xuño e xullo con 3 sesións semanais celebradas, normalmente, en instalacións de Santiago e de A Estrada. Precisamente, no campo Manuel Regueiro desta localidade, tiña lugar este martes un adestramento conxunto que serviu como acto de presentación e visibilización das escadras que participarán no mundial, o terceiro ao que acode a Selección Galega. O adestramento de onte tamén foi especial pola presenza do Coaching Manager da provincia irlandesa do Ulster, Roger Keenan, que aproveitou a súa estancia en Galica para observar a preparación dos equipos e marchou sorprendido co seu alto nivel e coa expansión do fútbol gaélico fóra das fronteiras de Irlanda.

Foi, xustamente, pola expansión dos deportes gaélicos a nivel internacional, polo que a Gaelic Athletic Association (GAA) creou en 2015 os xogos mundiais, que nesta terceira edición prometen alcanzar a súa mellor versión, con 85 equipos e máis de 1.200 xogadores de todas as partes do mundo. O evento acollerá as modalidades deportivas de fútbol (onde participa Galicia) e hurling cunha fase “Irish” na que só xogan irlandeses que viven fóra de Irlanda e outra “Native” na que compite Galicia e outras seleccións formadas por deportistas non irlandeses. Así, no apartado masculino, a Selección Galega enfrontarase a outros 24 combinados onde destacan algúns tan fortes como Nova York, San Francisco, Francia, Canadá, Australia, Bretaña ou Arxentina, entre outros. No apartado feminino competirán 17 seleccións, destacando tamén as estadounidenses, Canadá, Rusia ou Francia, entre outras. O torneo estruturarase nunha primeira parte de liguiña onde os primeiros clasificados accederán logo á loita polo título mentres os demais pasarán a competir nas fases “Plate” e “Shield”. Nos próximos días sortearanse os grupos.

Polo equipo feminino entraron na convocatoria:
Porteira: Silvia (Touronia), Defensas: Albilla (Fillas), Ánxela (Estrela), Lucía (Estrela). Medios-defensivas: Lorena (Herdeiras), Alba (Auriense). Medios-ofensivas: Eva (Fillas), Nercellas (Herdeiras), Naza (Herdeiras), Carme (Keltoi). Dianteiras: Uxía (Estrela), Leti (Fillas) e Loles (Turonia).

Polo equipo masculino entraron na convocatoria:
Poreteiro: Mancu (Irmandinhos). Defensas: Álex (Irmandinhos), Yupe (Irmandinhos), Bermejo (Estrela). Medios-defensivos: Panzu (Irmandinhos), Jacobo (Auriense), Adriano (Estrela). Medios-ofensivos: Álex. C (Estrela), Santalla (Herdeiros), Tomás (Keltoi), Gorri (Irmandinhos). Dianteiros: Julián (Fillos), Víctor (Fillos) e Couso (Estrela).