O Partido Socialista de Galicia incide na importancia de establecer un novo modelo de financiamento autonómico “que non prexudique os intereses da cidadanía galega”. O líder da formación no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, lembrou que o presidente Mariano Rajoy comprometerase a abordar a situación antes do remate do 2017, sen que a situación en Cataluña demorase a actuación. Porén, Moncloa non cumpriu e aínda non se produciu tal mudanza.
Así e todo, o grupo socialista esixirá á executiva de Núñez Feijóo que responda ante a decisión “unilateral” de Facenda de recalcular as entregas a conta de impostos especiais, IVE e IRPF, que provocará unha perda superior aos 300 millóns de euros no capítulo de ingresos da Xunta. Fernández Leiceaga pregunta ao presidente galego se reclamará esta quita ante o Goberno central ou a acatará e executará recortes nos orzamentos de 2018.
Outro dos puntos nos que incide o PSdeG é o restablecemento dos ingresos recadados polo Imposto de Patrimonio no ano 2017, que ascenden a unha contía de 71 millóns de euros. Os socialistas presentarán no Parlamento unha proposición non de lei para restaurar a “plena vixencia” deste tributo e das contas acordadas pola Xunta en xullo do pasado ano.