O debate de investidura de Pedro Sánchez transcorre esta semana que en Galicia está marcada pola celebración do 25 de xullo. Sobre a mesa, sitúase a pregunta sobre a presenza da axenda e intereses das galegas no debate que ten lugar en Madrid e no que participan as 23 deputadas e deputados electos por Galicia.
Por un lado, atópase Galicia en Común ao que pertence a deputada Yolanda Díaz que na súa intervención no debate de investidura chamou a un “financiamento xusto” para Galicia, ao desbloqueo de infraestruturas ferroviarias, en referencia ao AVE, ao traspaso da titularidade da AP-9 e situou na Cámara o proceso xudicial pola recuperación do pazo de Meirás.
Desde o BNG, que non acadaron representación no Congreso, critican que Galicia “estea desaparecida” no debate de investidura. Entretanto, Alberto Núñez Feijóo -e con el, o PPdeG– céntrase na rivalidade política cos socialistas. “Se hai un manual do que non se debe facer desde unhas eleccións xerais, é o manual da política española desde o 28 de abril ata o día de hoxe debate de investidura no Congreso dos Deputados. Estaremos atentos ao que dea de si este debate, pero isto comezou mal”, sostivo nas últimas horas. Dende o PSdeG, Gonzalo Caballero apelou nos últimos días á “responsabilidade colectiva” e sostén “a estratexia das dereitas e do PP de dificultar a investidura é un erro e creba a mensaxe que deron os cidadáns nas urnas. E que o resto de forzas políticas da esquerda teñen tamén que entender”.