#Galegoempresas: facendo da lingua un valor engadido

Os Concellos de Santiago, Ames e Teo presentan un directorio de empresas da comarca que traballen en galego que xa é funcional

Os Concellos de Compostela, Teo e Ames presentaron o seu novo proxecto de colaboración: Galegoempresas, un directorio de negocios da comarca que ofrecen produtos e servizos en galego que abarcará toda a comarca.

O obxectivo é “poñer en valor aqueles negocios nos que a nosa lingua adquire visibilidade, e facer un recoñecemento á calidade na atención por parte destes negocios”, apuntou o alcalde, Martiño Noriega, na presentación da iniciativa. Na mesma liña tamén se pronunciaron as concelleiras de Ames e Teo, que salientaron a colaboración institucional entre os tres concellos. Isabel Vaquero e Pilar Faxil fixeron tamén un chamamento a todas as empresas da comarca para unírense a esta ferramenta.

O proxecto funciona como un buscador de empresas que traballen en galego, axudando tanto aos  que buscan o servizo como  aos que o ofrecen, pero sobre todo, premiando aqueles negocios que empreguen a nosa lingua “dándolles máis visibilidade” como explicou o alcalde. Entendendo que a lingua “no caso da actividade económica é un valor engadido”, continúa. Aparecerán así, todas aquelas empresas que cumpran os requisitos e que teñan sede ou realicen actividades nos Concellos de Santiago, Teo ou Ames.

A páxina oficial do sitio, na que facer as búsquedas e inscribirse como negocio.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego