Home Programas Espazo Aberto A CIG denuncia a “irresponsabilidade” de GADIS ante un novo positivo nun supermercado da cadea

A CIG denuncia a “irresponsabilidade” de GADIS ante un novo positivo nun supermercado da cadea

0
A CIG denuncia a “irresponsabilidade” de GADIS ante un novo positivo nun supermercado da cadea

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou este venres a “irresponsabilidade” da cadea de supermercados GADIS tras a confirmación dun novo caso positivo por coronavirus nun dos seus establecementos. Desta volta, o positivo detectouse nunha traballadora do supermercado GADIS en Ribeira.

Segundo a central sindical, a empresa informou ao comité de empresa “pero non fixo a correcta desinfección nin puxo a ningunha compañeira en corentena“. As razóns que deu a empresa para non levar a cabo ningunha destas medidas baseáronse en que “esta persoa non presentou síntomas no posto de traballo”.

Ante iso, o sindicato CIG decidiu concentrarse na mañá deste venres ante este GADIS de Ribeira cunha faixa na que se podía ler: “GADIS, os beneficios antes que a saúde de traballadores e clientes“. A maiores, vén de denunciar estas vulneracións realizadas pola cadea de supermercados GADISA ante Inspección de Traballo e a Consellería de Sanidade.

A semana pasada saltaban as alarmas no GADIS situado na rúa Montero Ríos, na cidade de Compostela, no que a empresa tampouco actuou segundo os protocolos segundo denunciou no seu momento a central. Estes dous casos sumaríanselle a un terceiro detectado na cidade da Coruña segundo os datos da central sindical no referido á provincia da Coruña.