Unha das infraestruturas máis importantes da cidade vai ser realidade en poucos anos. O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores e a concelleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez asinaron o convenio marco de colaboración Xunta-Concello para o desenvolvemento da futura estación intermodal de Pontevedra. O proxecto está consensuado entre as dúas administracións, suporá un investimento inicial de 4 millóns de euros -dos que 1,5 son para a reforma integral da estación de autobuses- e comezaría a executarse no ano 2018.
Ambas institucións consideran que o acordo acadado é “moi importante” nun proxecto que permitirá renovar dun xeito radical a estación de autobuses de Pontevedra, facilitar o tráfico á terminal, cun novo acceso directo dende a avenida Josefina Arruti, reordenar os tráficos de coches e peonís na contorna das estacións de autobuses e de tren, garantir a accesibilidade e unha mobilidade peonil áxil e segura entre as dúas estacións e descubrir un pequeno tramo do río Gafos neste tramo.
Compromisos
O Concello de Pontevedra comprométese a achegar o 25% do importe do proxecto, pagar as expropiacións se as houbera, de existiren aforros na adxudicación redundará na cota que achega o Concello e se hai se hai ncrementos asumiría o 50% dos mesmos. Sacarase a licitación esta mesma semana o proxecto construtivo de intermodalidade e paralelamente avanzarase na redacción do proxecto de reforma da estación de autobuses. Unha vez que o proxecto estea rematado, o Concello terá que lle dar a súa conformidade e despois iniciarase todo o proceso de contratación.