Home Programas Área Compostela A Fundación Rosalía de Castro conmemora o 180º aniversario do nacemento da escritora

A Fundación Rosalía de Castro conmemora o 180º aniversario do nacemento da escritora

0

A Fundación Rosalía de Castro conmemorou hoxe en Santiago o 180 aniversario do nacemento da escritora. Pola mañá realizou unha ofrenda floral diante da estatua de Rosalía na Alameda na que participaron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, o alcalde da cidade, Martiño Noriega, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Margarida Ledo Andión, entre outros.

Valentín García: “Rosalía convócanos con máis forza ca nunca”


Logo da ofrenda, a celebración trasladouse ao Hostal dos Reis Católicos onde se realizou unha lectura de poemas de Rosalía, na que participou alumnado do IES Rosalía de Castro, e os alcaldes de Rianxo, Adolfo Muíños, e Santiago, Martiño Noriega, e representantes doutras fundacións como as de Curros Enriquez e Eduardo Pondal.

Rosalía de Castro nacera en Santiago o 24 de febreiro de 1837. Considerada a figura máis internacional das nosas letras ao seu redor medraron numerosas iniciativas como a de declarar o 17 de maio como o Día das Letras Galegas ou máis recentemente darlle nome ao aeroporto de Santiago.