O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, recibiu hoxe ao delegado do Goberno de España en Galicia, Javier Losada, con quen abordou as necesidades da RAG e da importancia da lingua galega. Nese encontro, Freixanes agradeceu a visita de Losada e da “oportunidade de conversar sobre as necesidades da RAG e da posibilidade de que o Estado entenda a significación dun patrimonio común que non é só dos galegos, senón do conxunto dos españois”.
O delegado do Goberno tamén tivo palabras para a prensa: “Hoxe quero trasladarlle ao presidente da Academia e a todos os seus membros, pero sobre todo a todos os galegos, a importancia de facer da nosa lingua un elemento de identidade, solidariedade, cooperación e de facer Galicia, de facer país”, expresou deseguido Javier Losada.
A rehabilitación do edificio da Academia foi un dos temas sobre o que conversaron os responsables de ambas as institucións. A actuación conta desde hai anos co compromiso do Ministerio de Fomento, que a comezos de 2018 resolveu o concurso de definición do proxecto arquitéctonico. O presidente da RAG manifestou á prensa a súa confianza en que o proceso siga a súa marcha unha vez constituído o novo Goberno e que conte co financiamento preciso nos vindeiros Orzamentos do Estado.