Home Programas Área Compostela Francisco Jorquera, candidato BNG A Coruña: “O futuro da cidade decídese nos terreos do porto”

Francisco Jorquera, candidato BNG A Coruña: “O futuro da cidade decídese nos terreos do porto”

0
Francisco Jorquera, candidato BNG A Coruña: “O futuro da cidade decídese nos terreos do porto”
Jorquera nun acto do BNG

Francisco Jorquera, político e historiador, ten unha extensa traxectoria como representante do BNG en varias institucións a nivel galego e estatal. Agora preséntase como candidato á alcaldía da Coruña cun programa no que salienta como eixo principal a recuperación dos terreos do porto, o emprego e as políticas de vivenda pública.

Fáganos un balance de valoración estes pasados catro anos no concello da Coruña.

Penso que a Marea Atlántica chegou ao goberno municipal nunha onda de grande ilusión, pero decepcionou completamente a quen puxo esperanzas neles. Considero que fixeron unha lectura errónea do resultado e, no cando de negociar e abrirse, pecháronse.

A honestidade é unha condición necesaria mais non suficiente para a xestión do público. A mellor maneira de defender o público é xestionar ben o público, pero o balance da Marea é desastroso, mesmo na xestión ordinaria do Concello.

A honestidade é unha condición necesaria mais non suficiente para a xestión do público

O exemplo máis recente é o lixo: chegaron prometendo cambialo todo e remunicipalizalo todo e mentres caducaban as concesións non moveron un dedo pola reversión ao público, nin sequera para fiscalizar o cumprimento por parte da concesionaria.

Cales son as principais propostas urxentes da súa candidatura para o municipio?

O Concello debe asumir un papel de liderado. E se o problema máis urxente para a veciñanza é o emprego, pois debe asumir o liderado do Consello Económico e Social que deseñe un plan para a dinamización económica da cidade e da contorna. Nós propoñemos crear ese consello, con participación de todos os axentes interesados nesa dinamización, como ferramenta. E elaborar un plan, pero non para metelo nun caixón, senón para executalo.

Francisco Jorquera

Penso que se conseguimos unir vontades nunha mesma estratexia, conseguiremos crear ese ecosistema que permita avanzar todos xuntos nunha mesma dirección. Co Concello á fronte, e poñendo a súa capacidade ao servizo da creación de emprego. Xunto co emprego, a vivenda é outro problema urxente.

Desde o BNG o que propoñemos é converter EMVSA nunha verdadeira empresa de vivenda

Desde o BNG o que propoñemos é converter EMVSA nunha verdadeira empresa de vivenda, crear un banco público de vivendas destinadas ao alugueiro a prezos taxados, fomentar a rehabilitación con máis axudas e vincular estas á posta no mercado de alugueiro desas vivendas, en caso de non seren vivenda habitual, a prezos taxados… é a forma que ten o concello de intervir no mercado e baixar os prezos.

E a proposta principal de cara ao futuro da Coruña?

O futuro da cidade decídese nos terreos do porto. En primeiro lugar, está o debate de se deben ser de uso público ou compatibilizar usos. Nós apostamos polos usos públicos. En exclusiva. Despois, está a cuestión de se deben ser recuperados a custe cero ou non. Nós apostamos pola devolución gratuíta por parte do Estado. Isto é, que o Estado asuma íntegra a débeda do porto exterior e dote esa infraestrutura das comunicación precisas para que funcione.

Hai unha consulta popular pendente, acordada en pleno, sobre estas cuestións que nós activaríamos en caso de ter responsabilidades de goberno. En canto a que usos… pois o noso proxecto é claro, mesmo ten un nome, Distrito do Mar, que a Marea vén reclamando agora, o rótulo, como algo seu cando soltaron un slogan sen nada detrás hai dous anos e aí parou a cousa.

O Distrito do Mar parte da necesidade de volver abrir a cidade o mar e aproveitar ese espazo natural de entrada e saída na cidade

Ben, o Distrito do Mar parte da necesidade de volver abrir a cidade o mar e aproveitar ese espazo natural de entrada e saída na cidade para resolver cuestións de mobilidade. Nós propoñemos que o Distrito do Mar comece cun nodo de transporte urbano e metropolitano que conecte a cidade coa contorna por mar e por terra, incluíndo o tren de proximidade. Que ese nodo se dote de masa crítica para que funcione as 24 horas do día instalando aí o futuro gran hospital da cidade. É evidente que a accesibilidade ao hospital melloraría e que os fluxos de viaxeiros mellorarían e acabarían incentivando o transporte público intra e inter urbano.

Xunto a estas infraestruturas, o BNG pensa que o prioritario é impulsar os usos produtivos, singularmente a pesca, mesmo cunha lonxa de mariscadores, e o transporte de mercancías aproveitando a situación estratéxica da cidade.

O último elemento serían os espazos verdes con equipamentos culturais, incluíndo un aula ou museo do mar, que subliñen esa relación recuperada entre a cidade e o mar. É un proxecto moi pensado e moi traballado. Un proxecto para colocar enriba da mesa e dialogar. Un proxecto que precisaría dun consorcio que o impulsase e no que, como novidade, propoñemos que estea presente a veciñanza a través das asociación de defensa do patrimonio e outras, como as entidades veciñais.

Por último, e para rematar, todas as enquisa dan unha corporación moi fracturada. Cal sería a súa proposta, caso de ser a forza máis votada, para “convencer” e conseguir o apoio doutras formacións? E cales serían as “liñas vermellas” caso de ser chave de goberno?

Para emprender as cuestións anotadas aquí, como o impulso da creación do emprego, do acceso á vivenda ou dos usos públicos do porto, e outras que están no programa do BNG son necesarios consensos moi amplos. O BNG ten a virtude de que é un partido que dialoga con todos. E iso faremos.

O BNG ten a virtude de que é un partido que dialoga con todos

Nós nunca facilitamos gobernos de dereitas, pero tampouco queremos un goberno que ignore estes temas que apuntamos e que se manteña catro anos máis inoperante mesmo na xestión ordinaria. Se estamos no goberno, seremos garantía de que haberá cambio cunha orientación transformadora. Cambios en serio.