O Efecto Proximidade, unha acción de dinamización que busca achegar ao público do mercado propostas de lecer e cultura, levou o mellor flamenco galego ao mercado compostelán de Salgueiriños e achegou a gastronomía ecolóxica ao público da feira. A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, explicou a importancia deste tipo de actividades.
Polas rúas do mercado o grupo os Emijrantes amenizaban unha chuviosa xornada e na propia carpa habilitada polo concello para o concerto repartíronse de balde sopas e cremas ecolóxicas a modo de degustación para o público asistente.
A xornada rematou coa actuación de Cuchus Pimentel e a formación Vigo Distrito Flamenco, unha agrupación de recente formación que pretende mostrar o flamenco sen recorrer a fusións, mistificacións ou estereotipos do pasado, senón personalizando e actualizando a tradición co respecto que deriva da experiencia.