O Fiscal Xeral de Galicia, Fernando Suanzes, presentaba a memoria anual do Ministerio Público en Comisión Parlamentaria. Nela, cualificaba de “preocupante” o aumento nas mortes en accidentes de traballo no 2018: un 14% máis, e que situou a cifra de vítimas en 56.
A CIG, no seu informe de novembro sobre saúde laboral, salientaba que “dende o ano 2012 a sinistralidade laboral non para de medrar. A enorme precariedade das condicións de traballo e a febleza do sistema preventivo español sen dúbida ten moito que ver.”
Para María Pose, da Central Unitaria de Traballadoras, o aumento da siniestralidade no traballo “é unha clara consecuencia da precariedade laboral” e apela ao cumprimento dos protocolos de seguridade.
Nos primeiros seis meses de 2019, segundo datos da CIG, houbo en Galicia 13.878 accidentes en xornadas de traballo, dos cales 266 foron graves e 29 mortais. Segundo o informe da CIG, o país “consolídase como líder absoluto destacado de sinistros laborais con resultado de morte no conxunto do Estado español, practicamente duplicando a taxa media do Estado (0,207)”, sendo en Galicia do 0,403.